Thursday 28 de March de 2024

O Concello de Cabanas organiza unha asemblea para explorar a creación dunha comunidade enerxética en Laraxe


Trátase dun modelo enerxético máis social, sostíbel e que permite reducir a factura da luz nun 30% de media por fogar

A área de medio ambiente do Concello de Cabanas convoca unha asemblea veciñal aberta para explicar os pormenores das comunidades enerxéticas locais e coñecer canta xente da parroquia de Laraxe estaría interesada na iniciativa para saber se esta é viábel, como paso previo á súa creación. A asemblea terá lugar o venres, 13 de xaneiro, ás 20 horas no Local Social de Laraxe.

Unha comunidade enerxética é unha agrupación voluntaria de persoas, empresas e institucións que se asocian para xerar, distribuír e compartir enerxía renovábel.

“Queremos explorar a posibilidade de crear unha comunidade enerxética local, unha opción que permite crear un modelo enerxético máis social, máis sostíbel, e que ademais permite reducir a factura da luz até un 30% por fogar de media”, sinalou o tenente alcalde e concelleiro de medio ambiente de Cabanas, Iago Varela. “Comezariamos pola parroquia de Laraxe, dado que a súa distribución, densidade e orientación fana particularmente propicia para este fin”.

De resultar unha iniciativa viábel, crearíase unha asociación que daría forma á comunidade, para pasar despois a deseñarse os primeiros proxectos de xeración de enerxía.

As persoas interesadas en participar, ademais de asistiren á asemblea, poden enviar os seus datos a través do formulario web dispoñíbel en https://i.gal/cecabanas